Tuesday 30 de April de 2024

O Partido Popular móstrase preocupado pola falta de solucións do concelleiro de seguridade Daniel Mallo, ante a grave situación que atravesa a Policía Local de Cambre


En apenas uns días marcharon 4 policías, entre eles o xefe do corpo, polas malas condicións laborais e o impago de horas extraordinarias, que deixan a Policía sen poder cubrir todas as quendas e deixa a Cambre sen patrulla na rúa.
“O actual goberno de Unión por Cambre e o Partido Socialista, que só sabe pasar de polémica en polémica coa Policía local e que leva á intervención continuada da xustiza, demostraron unha vez máis a súa irresponsabilidade, deixando o Concello con só 10 ou 12 axentes para atender a 24.500 veciños”, sinalan os populares.

O concelleiro de seguridade, Daniel Mallo, non aporta solucións nin adopta ningunha medida, mentres que o alcalde e a concelleira de Facenda están a ser investigados pola Fiscalía como “sospeitosos de prevaricación e malversación” no pago das horas extraordinarias, deixando os veciños de Cambre indefensos ante este grave problema de seguridade.

“O alcalde, por responsabilidade, debería facerse un lado ata que se aclaren as sospeitas xudiciais que recaen sobre el, xa que está a facer un dano irreparable á imaxe do Concello e a provocar desconfianza e inseguridade nos veciños”, afirma a portavoz do PP, Diana Piñeiro.

“Se ao Concello xa lle faltaban axentes e moitos días sen quenda de noite, ¿Que vai pasar agora?, ¿En mans de quen está Cambre?”, denuncia Piñeiro.